Friday 03 de May de 2024

A Xunta apoiará a presenza da produción ecolóxica galega na feira Biocultura da Coruña entre o 28 de febreiro e o 1 de marzo


A Consellería do Medio Rural financia as actividades de promoción que desenvolverá neste certame o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega)

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), apoiará a presenza da produción ecolóxica galega na feira Biocultura, que terá lugar na Coruña entre os vindeiros días 28 de febreiro e 1 de marzo.

Así, o departamento que dirixe José González financia as actividades de promoción que desenvolverá o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) neste certame. Isto permitirá ao Craega dispor dun espazo con 21 operadores, que pertencen a sectores como a acuicultura, as conservas, as cervexas, as marmeladas, o café, os lácteos, os xeados, o viño, as galletas ou a panadería. Ademais, persoal da Agacal estará presente no evento para dar apoio aos operadores e ás accións de promoción e divulgación programadas.

A maiores, Medio Rural colabora nas actividades de dinamización da feira mediante o patrocinio de distintos obradoiros e demostracións de cociña sobre aspectos como a elaboración de lácteos ecolóxicos, cociña eco ou cosmética ecolóxica, así como de xogos para nenos centrados na temática bio, dentro do espazo monográfico denominado Mamaterra.

No programa deste certame haberá tamén un cociñeiro de renome que elaborará receitas con produto ecolóxico e ademais quéreselle dar pulo ao viño ecolóxico mediante catas comentadas dirixidas por expertos enólogos. Outra actividade será o obradoiro de mulleres ecoemeprendedoras.

Por segundo ano en Galicia
Biocultura é a feira bio máis importante de España. Está promovida e organizada pola asociación VidaSana. Celebrarase por segundo ano en Galicia e nela agárdase a participación duns 150 expositores que achegarán máis de 10.000 referencias de alimentos ecolóxicos. Ademais da parte relativa á alimentación, que conforma a maior representación no certame, tamén haberá espazo para outros ámbitos, como os produtos para hixiene e a cosmética, o téxtil orgánico, a bioconstrución e os ecomateriais, as enerxías renovables, o turismo rural ou a artesanía, entre outros.

A Consellería de Medio Rural, a través da Agacal, apoia esta celebración dada a relevancia que constitúe para Galicia contar cun evento desta magnitude, reforzando ademais a presenza do sector ecolóxico noutros actos de promoción da gastronomía ou a alimentación de carácter xeralista nos que está presente a Xunta.